Director Actual D. Jose Lodeiro Gesto

O actual director da Banda de Bandeira é D. Jose Lodeiro Gesto.

JOSE LODEIRO GESTO

Comeza os seus estudios musicais con 17 anos de idade, da man de Daniel Sánchez Barrán (trombón da Banda Municipal de Santiago) e, un ano máis tarde pasaría a formar parte da Banda do Goberno Militar de A Coruña.

Mentres continuaba a súa formación como trombonista no Conservatorio de Música de Santiago de Compostela, perfeccionaba a súa técnica con profesores do talle de : Javier Cés (bombardino da Banda Municipal de Santiago), Enrique Ferrando (trombón da Orquestra Nacional de España), Erick Petur (trombón baixo da Orquestra Sinfónica de Galicia), etc.

Unha vez rematados os estudos de Trombón, cursou as materias de Harmonía, Contrapunto e Fuga co compositor e director de orquestra Fernando Vázquez Arias. Tamén estudou Harmonía, Contrapunto e Análise con José Luis Quintáns (profesor de elementos de composición no Conservatorio de Música de Santiago de Compostela). Ó mesmo tempo cursou as materias de Harmonía moderna e Improvisación no taller de Jazz Estudio Escola de Santiago de Compostela, pasando a formar parte da Big Band do Conservatorio Superior de Música de A Coruña neste mesmo período, formación coa que tivo a honra de acompañar á lenda do jazz Geroge Coleman, nun concerto celebrado no teatro Colón de A Coruña.

Estudou dirección con Marcel van Bree, Jan Cover (director no Instituto Superior Europeo Bandístico de Trento), Mateo Giovanni Aderi (Director titulado polo conservatorio de Mastrich e o Instituto Superior Europeo Bandístico de Trento), Norman Milanés Moreno (director da Banda Nacional de Concertos de Cuba, Orquestra Sinfónica de Cuba e director do Gran Teatro da Habana e a Orquestra Sinfónica da Radio Televisión Cubana), etc.

No ano 2008 asiste ó I Congreso Internacional de Bandas Vila de Ortigueira, levado a cabo polos mestres: Daniel Leskovich (Director e Asesor Musical de Cultura de Eslovenia), Gustavo Fontana (Universidade de Bos Aires), Jesús Igacio Pérez-Perazzo (Director da Banda Sinfónica Simón Bolívar) e Richard Miles (Morehead State University de Kentuky).

A partir do curso escolar 2009-2010 comeza os estudos na Escola de Altos Estudos de Dirección de Orquestra e Banda de Huelva, que funciona como unha filial da Associated Board of the Royal Schools of Music (formada pola Royal Academic of Music, a Royal College of Music, a Royal Northen College of Music e a Royal Scottish Academy of Music and Drama, catro das máis prestixiosas institucións do ensino musical no Reino Unido). Aquí obtén en decembro de 2012 a Licenciatura Superior da Royal School of Music con “Distinción” como director de banda.

Na Escola de Altos Estudos de Dirección de Orquestra e Banda de Huelva recibe clases do mestre Francisco Navarro Lara (Profesor Superior en Dirección de Orquestra, Doutor en Ciencia sobre a Arte na Especialidade de Dirección Orquestral, Director Titular da Orquestra Sinfónica de Huelva e a Banda Municipal de Huelva e Director Honorífico da Orquestra Sinfónica Nacional do Paraguai). Dita Escola outorgaríalle o Diploma Superior coa distinción “Cum Laude” en agosto de 2012.

Foi profesor nos seguintes centros: Conservatorio de Música de Melide, Escola de Música Municipal de Santa Comba, Escola e Conservatorio de Música Municipal de Cambados, Conservatorio profesional de Música de Arzúa, Conservatorio Profesional de Música “Xan Viaño” de Ferrol, Escola de Música “Banda Cultural e Recreativa” de As Pontes, Escola de Música “Banda Isabel II de Touro”, Escola de Música da Sociedade Recreativa e Cultural “San Xoán” de Calo e actualmente imparte clases na Escola de Música da Banda de Bandeira.

Como director estivo á fronte de varias agrupacións como a Banda de Música Isabel II de Touro, Banda de Música Castrelo de Cambados, Banda Sinfónica Intercomarcal, Banda de Música Municipal de Melide, a Coral Polifónica de San Miguel dos Agros e a Banda de Música Recreativa e Cultural de As Pontes.

Foi convidado a dirixir varias bandas en toda a xeografía galega e formou parte do profesorado no “X Encontro Internacional de Música Cidade de El Paso” (Santa Cruz de Tenerife), facéndose cargo da materia de Prácticas bandísticas, así como do concerto de clausura de dito encontro coa Banda Municipal de “El Paso”, compartindo cartel cos profesores Armando Toledo Cisneros (violinista cubano), Matías de Oliveira Pinto (profesor de violonchelo na Universidade de Berlín), Bernd Valentin (barítono da Musikhochschule), Mario del Prado (profesor de piano no Conservatorio de Versalles), Magdalena Brendl (soprano da Musikhochschule) e Constantin Alex (director da Humboldt-Univerität en Berlín).

Participou como co-autor, en colaboración co Mestre Navarro Lara, no tratado de dirección “El Milagro de Dirigir la Orquesta sin Usar las Manos: Dirección Orquestal 3.0”

A día de hoxe imparte un maxisterio no “Taller de Dirección Bandística” na Escola de Música Municipal de Rábade-Begonte-Outeiro e dirixe a Banda de Música Recreativa e Cultural de Bandeira.

JOSE LODEIRO GESTO-DIRIXINDO