HISTORIA

A Banda de Bandeira enfrente á fachada principal da Catedral de Santiago de Compostela no ano 1983

A Banda de Bandeira enfrente á fachada principal da Catedral de Santiago de Compostela no ano 1983

A Banda de música Recreativa e Cultural de Bandeira formouse no ano 1980. Un grupo de amigos (Pilotos, Mejuto e Manolo Villaverde) elixiron como profesor e director a D. José Villaverde Gómez, quen estivo ó cargo da mesma ata setembro do ano 1989. Os inicios foron no baixo da casa de Mejuto e os primeiros ensaios na taberna do Xoaneiro. Logo de aquí pasouse á Casa Cultural que aínda estaba en obras cando a banda foi para alí.

No ano 1983, participa no Certame de Bandas Populares de Galicia, celebrado en Santiago de Compostela, e recibe a mención de Banda máis xoven de Galicia.

A primeira gravación da banda fíxose en casette aredor do ano 1985 baixo a dirección de Villaverde.

No ano 1989 a asociación contrata como director a D. Luis A. González Amosa, con tan só 17 anos.

O esforzo realizado durante este tempo, refléxao o Cuarto posto acadado no 1º Certame de Bandas Populares de Galicia, celebrado en Lalín en 1991.

D. Luís González Amosa permaneceu á fronte da Agrupación ata o ano 2000, data na que tomou a batuta D. Braulio Manuel Cao Ledo, músico por oposición da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela.

En xaneiro de 2008 a dirección da Banda de Bandeira pasou a mans de D. Miguel Rodríguez Barrio quen a dirixiu ata Outubro de 2015.

Nestes intres a banda segue a traballar, día a día, na música e na cultura, proba disto é a realización de actividades como son os Concertos Extraordinarios que se celebran todos os anos pola Santa Icía e Ano Novo, e os Cursos de Especialización Musical, polos que pasaron algúns dos mellores músicos a nivel nacional e que leva xa máis de dez edicións.

Tamén hai que destacar a realización do Festival de Bandas de Música Populares, que se celebra todos os anos no mes de setembro.

A súa escola de música está formada por aredor de 70  alumnos, que son compoñentes da Banda Xuvenil e da Banda Infantil. Tamén se integran na Asociación a Banda de Veteranos, O Coro Vales Mahía da Banda de Música Recreativa e Cultural de Bandeira, a Aula de Música Moderna e as clases de Solfexo e Instrumento para maiores; un gran colectivo de xente que agrupa actualmente a máis de 140 persoas, sen contar ós socios que colaboran e apoian á nosa banda.

A banda da Bandeira conta na actualidade con máis de 50 músicos, entre os que sobresaen músicos que colaboran con distintas agrupacións profesionais das máis importantes de Galicia.

Dende novembro de 2015, a dirección da banda está a cargo de D. Jose Lodeiro Gesto.

Ó longo da súa traxectoria, a labor e o esforzo da banda veuse recompensado ata o momento por oito segundos premios e cinco primeiros premios a nivel provincial,  autonómico e estatal destacando o máximo galardón acadado na máxima categoría da competición a nivel provincial (Certame de Bandas organizado pola Deputación de Pontevedra) e autonómico (Certame Galego de Bandas organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares en colaboración coa Xunta de Galicia).

IMG_3631

Foto da Banda de Bandeira e o Coro Vales Mahía tomada o sábado 30 de Novembro de 2013 no Auditorio Manuel Dopazo de Bandeira

PARTICIPACIÓN EN CERTAMES E PREMIOS BANDA DE BANDEIRA

- Mención de “Banda máis Xoven de Galicia” no Certamen de Bandas Populares de Galicia celebrado no ano 1983 en Santiago de Compostela.

- Cuarto posto no ano 1991 no primeiro Certamen de Bandas Populares de Galicia celebrado en Lalín.

- Segundo premio no ano 2001 na terceira sección no I Certame Provincial de Pontevedra, organizado pola Excelentísima Deputación de Pontevedra (Pazo da Cultura, Pontevedra, 10/2001).

- Segundo premio no ano 2002 na terceira sección no II Certame Provincial de Pontevedra, organizado pola Excelentísima Deputación de Pontevedra (Pazo da Cultura, Pontevedra, 10/2002).

- Primeiro premio e Mención de Honra no 2003, na terceira sección no III Certame Provincial de Pontevedra, organizado pola Excelentísima Deputación de Pontevedra (Pazo da Cultura, Pontevedra, 10/2003).

- Primeiro premio e Mención de Honra no ano 2005, na segunda sección, no V Certame Provincial de Pontevedra (Pazo da Cultura, Pontevedra, 8/10/2005)

- Segundo premio no certame Vila de la Sénia en Tarragona, no 2007, na primeira sección.

- Primeiro premio, na segunda sección, no Concurso Zonal de bandas, da Deputación Provincial de Pontevedra, celebrado en Lalín, no ano 2008.

- Primeiro premio, na sección primeira , ano 2008, no VIII Certame Provincial de bandas da Deputación de Pontevedra (Pazo da Cultura, Pontevedra, 4/10/2008).

- Primeiro premio, no II Certame Galego de bandas, na primeira sección, ano 2008 (Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, 23/11/2008).

- Segundo premio, no Certame zonal, na primeira sección, no ano 2009.

- Segundo premio, no III Certame Galego de bandas, na primeira sección, ano 2009 (Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, 29/11/2009).

- Segundo premio, no V Certamen Galego de bandas, na primeira sección, ano 2011(Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, 27/11/2011).

- Segundo premio, no VII Certamen Galego de bandas, na primeira sección, ano 2013 (Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, 17/11/2013).

- Segundo premio, no XIII Certamen provincial de bandas de música, na primeira sección,  organizado pola Exma. Deputación de Pontevedra (Auditorio Municipal de Vilagarcía, 18/10/2014).